Saturday 27 de April de 2024

A Pobra pon en marcha o campus de emprendemento con perspectiva de xénero


Continuando coa súa firme aposta pola dinamización do espazo do Coworking e por fomenta-la cultura do emprendemento, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal impulsa un campus de emprendemento con perspectiva de xénero que se desenvolverá no mes de xuño. Trátase dun proxecto formativo dirixido a mulleres seguindo a metodoloxía teórico-práctica e disponse dun total de 15 prazas. Así o adiantaron a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; e Fátima Rodríguez, en representación de Promove, a empresa que se encarga da asistencia técnica.

O programa divídese en dúas xornadas: no día 3, a partir das 18.00 horas, transcorrerá a parte teórica cunha xuntanza no propio espazo de traballo colaborativo; mentres que no día 4, en horario de 10.00 a 18.30 horas, terá lugar a práctica mediante visitas a empresas lideradas por mulleres e previamente identificadas pola súa boa xestión nos ámbitos económico, social e medioambiental. Estes negocios son Alma Galega, Raposiñas e En las Nubes.

Búscase, polo tanto, crear espazos de encontro entre as asistentes e empresarias da comarca ao tempo que se dá visibilidade ás firmas seleccionadas. Trala súa participación no campus, as emprendedoras terán a oportunidade de recibir titorías para traballa-lo seu perfil, analiza-las ideas de negocio e mesmo solicitar espazo no Coworking para traballar sobre o seu plan de empresa e a súa viabilidade.

As mulleres interesadas en se sumaren a esta iniciativa pódense anotar ata o día 1 de xuño a través do enderezo electrónico coworking@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035.